IES Perdouro de Burela

Durante este luns día 19 e o martes día 20 de novembro tiveron lugar no IES Perdouro seis obradoiros de portugués (OPS! O Português Simples) dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato.

Esta iniciativa puido levarse a cabo grazas á colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo e da Associaçom Galega da Língua e tiña como obxectivo mostrarlle ao alumnado do noso Centro a vantaxe competitiva que representa a nosa lingua, o galego, no contexto español e europeo, porque nos permite acceder ao ámbito educativo e laboral dos países que se expresan en portugués (Brasil, Portugal, Angola…) e, polo tanto, ás súas sociedades, producións culturais e mercados laborais.

Porque o noso alumnado, ao rematar a secundaria obrigatoria, descoñece que o portugués, a través do galego, pode formar parte do seu currículo e que, ao coñecelo, se abrirán moitas portas no mercado laboral de países de economía emerxente como é o Brasil. Porque o plurilingüismo vai ter cada vez máis valor como consecuencia da globalización e o portugués, a través do galego, ampliará o seu ámbito formativo e laboral.

OPS! no IES de Vilalonga

Este obradoiro de cen minutos de duración pretende achegarlles ós rapaces as vantaxes que ten o coñecemento do galego para comprendermos facilmente a lingua portuguesa.
Cunha actividade sobre a canción de Adriana Calcanhoto rematou o obradoiro. Pero a canción que houbo que escoitar e cantar, a petición do alumnado, foi a popular “Ai se eu te pego”.

Ops! em Friol no C.E.I.P. Doctor López Suárez

Desde a Área de Cultura da Deputación de Lugo, xunto coa Associaçom Galega da Lingua (AGAL), desenvolveuse un obradoiro co obxectivo de lle mostrar ao noso alumnado a vantaxe competitiva que representa o galego, no contexto español e europeo, porque nos permite acceder ao ámbito educativo e laboral dos países que se expresan en portugués(Brasil, Portugal, Angola…)e, por tanto, ás súas sociedades, producións culturais e mercado laboral. Trátase de promover o achegamento ao mundo lusófono, no convencemento de que é un reforzo para o estatuto da lingua galega e unha porta máis a mellorar a formación dos nosos mozos e mozas.
Noemí Nogueiras, coordinadora de OPs!, estuvo no noso Centro os días 18 de abril e 30 de maio nunha actividade que, estamos seguros, resultou moi proveitosa para o noso alumnado.
Grazas Noemí!

OPS! em Cea

 

A pasada semana estivo no centro Noemí Pinheira poñendo en práctica o OPS! co alumnado do centro. Ela é unha das mestras deste proxecto que está a achegar á escola o idioma máis cercano ao noso. Tanto lingüística como xeograficamente, o portugués é a nosa lingua irmá. E, ao tempo, unha grande descoñecida. Pode supoñer, nestes tempos de crise, unha oportunidade laboral e económica para o futuro? O OPS! axúdalle aos nenos a facerse estas e outras preguntas.
http://www.edu.xunta.es/centros/cpivirxedasaleta/node/89

OPS! em Ferrol

Dentro da programación que a Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol deseñou para conmemorar o Día das Letras Galegas atópanse os obradoiros de portugués simple, unha actividade solicitada por un total de seis centros educativos da cidade con ensinanzas de Secundaria. Onte, a proposta chegou ao IES Ricardo Carballo Calero logo de pasar o martes polo CPR Jesús Maestro e o Saturnino Montojo.
Dous monitores foron os encargados de introducir aos alumnos de 1º de Bacharelato na “sexta lingua máis falada no mundo, oficial en catro continentes e 8 países, entre eles Brasil, unha potencia emerxente”, segundo se informa na propia actividade.
A actividade, desenvolvida baixo o título “Ops, a lingua é a nosa vantaxe”, ten entre os seus obxectivos amosar ao alumnado que o galego “é unha entrada privilexiada para acceder ao mundo en portugués”.
Estes obradoiros forman parte dun programa máis amplo, presentado a semana pasada polo goberno ferrolán e que inclúe diferentes propostas, a meirande parte desenvolvidas en colaboración coa Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra.

Diario de Ferrol